A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inauguraron este luns a nova sección creada na Biblioteca Municpal, Lecturas Infantís para a Igualdade. Este feito supón un paso máis dentro dos Plans de Igualdade que está a implementar o Concello.
As dúas concelleiras coincidiron na necesidade de implicar á sociedade lucense neste aspecto, invitando a todos os nenos e nenas á lectura deste tipo de literatura non sexista.
Esta sección persegue ofrecer aos nenos e nenas de 0 a 10 anos outras formas de literatura, que non respondan a categorías tradicionais asociadas ao sexo, que non reforcen estereotipos de xénero e que non discriminen ao sexo feminino.
O fondo bibliográfico para iniciar esta nova sección está composto por un total de 90 exemplares, coa intención de seguir ampliándoo mediante futuras adquisicións por parte do propio Concello, quen pretende ofrecer recursos que sirvan como ferramenta de apoio a unha educación igualitaria, non sexista e libre de toda discriminación.
Nesta inauguración estiveron tamén presentes Belén Burgo, psicopedagoga da Casa da Muller e Teresa Pena, Directora da Biblioteca Municipal.