O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida advertiu esta mañá de que o goberno local segue sen comprometerse realmente coa aplicación de cláusulas sociais na contratación pública, xa que sen ir máis lonxe na licitación máis recente, a do servizo de comida no fogar, seguen puntuando únicamente os criterios económicos, sen contemplar criterios de avaliación nin melloras que teñan en conta as condicións laborais: ata 40 puntos para a empresa que ofreza o prezo máis baixo por menú e ata 10 puntos a maiores por ofrecer unha maior frecuencia de reparto a domicilio a cada usuario, cun mínimo establecido de un día á semana.
O executivo de Lara Méndez “volve incumprir unha vez máis o acordo plenario aprobado polo Pleno ha xusto un ano a iniciativa de ACE-EU”, denuncia a agrupación, no que se establecía a obriga de incluir cláusulas para garantir a estabilidade e calidade laboral en tódolos contratos celebrados polo Concello de Lugo e en tódalas súas fases, nomeadamente nos criterios de selección de contratistas e de adxudicación.
“A alcaldesa vén de presumir de apartar a empresa de seguridade ALCOR da prestación de servizos do Concello por precarizar o emprego dos seus traballadores, cando precisamente foron os pregos elaborados polo seu goberno, que primaban por enésima vez o prezo ofertado sobre a creación de emprego digno, os que permitiron que esa empresa salise elixida adxudicataria da vixianza dos centros sociais”, apuntou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
Para este grupo municipal, as empresas que non cumpren os requisitos mínimos dos convenios sectoriais e que perpetúan o “escravismo laboral” deberían ser excluidas de participar nos concursos públicos. “Foi a presión sindical a que realmente conseguiu que se actuase no caso de ALCOR, ao equipo de goberno non lle quedou máis remedio que intervir. Non se pode ter o cinismo de vender que a prioridade do goberno é a dignidade laboral e a calidade dos servizos e seguir evitando na medida do posible a aplicación de cláusulas sociais nos pregos de contratación”, denunciou Portomeñe.
As prescripcións técnicas do servizo de comidas no fogar establecen que o traballo da plantilla repartidora é esencial, pois debe facer un seguemento persoal individualizado da alimentación das persoas usuarias, realizar labores de apoio ás persoas maiores e con discapacidade e permanecer un tempo prudencial nos domicilios para advertir de calquera alteración. “É unha absoluta incongruencia que nos pregos de condicións técnicas se saliente a importancia da labor realizada polo persoal da empresa e que non se adique nin un só punto de valoración ás súas condicións de traballo”, fixo fincapé o concelleiro.