O Goberno da Deputación lucense comprometeu o arranxo integral da vía provincial LU-P-2010, de Friol a Parga, na que o Executivo Provincial leva financiado melloras por valor de 1 millón de euros. Así o avanzou o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, quen subliñou durante unha visita á estrada que “logo de ter acondicionados 16 quilómetros desta vía de comunicación fundamental para os veciños da zona, melloraremos nesta anualidade os 3 quilómetros restantes cos que se conseguirá a mellora integral da estrada”.
Os traballos, que rematarán previsiblemente a vindeira semana, consisten no acondicionamento con aglomerado en quente dun treito de 3,3 quilómetros. Ademais da rexeneración do firme, tamén se executarán traballos nas cunetas, así como a instalación da sinalización horizontal, vertical e o repintado. A través destes traballos, indica a deputación, “melloraremos o día a día dos máis de 10.000 usuarios da estrada, así como a vida dos veciños das 10 parroquias polas que discorre a vía.”