O Goberno da Deputación xera 21 novos postos de traballo en tres Concellos da provincia a través do DepuEmprego, o plan que o Executivo Provincial dotou de 3 millóns de euros para financiar os custos laborais de novos traballadores nos 66 municipios lugueses de menos de 20.000 habitantes. A solicitude dos 7 empregos que a Deputación ofrece en Viveiro xa está aberta e nos vindeiros días abriranse os prazos para os postos de Outeiro de Rei e Ourol. Na páxina web da Deputación (deputacionlugo.gal) pódense consultar as bases e informarse ao igual que nos propios Concellos, onde se fan as inscricións.
Nesta campaña, ofértanse en Outeiro de Rei, 6 operarios de servizos múltiples e o prazo estará aberto do 30 de marzo ao 12 de abril; en Ourol, ofértase 1 operario de servizos mínimos, 5 peóns forestais e 1 electricista, e o prazo estará aberto do 27 ao 31 de marzo. Por último, en Viveiro, ofértase 1 técnico de informática, 1 electricista, 2 pintores, 3 peóns de servizos múltiples e 1 socorrista. O prazo para estes postos de traballo está aberto ata o 20 de marzo.
A estes novos empregos súmase a oferta no Concello de Láncara de 4 peóns de servizos múltiples e 1 monitor de ocio e tempo libre que remata mañá. Con estes últimos empregos, son xa 219 os que en total o Goberno da Deputación leva xerado en 57 municipios na provincia a través do DepuEmprego. Cómpre destacar que son 263 os postos de traballo que inclúe este plan polo que nas vindeiras semanas se xerarán outros 44 empregos.