Continua a confusión arredor de quen será o máximo accionista do Clube Deportivo Lugo

A Comisión Técnica encargada do proceso de enaxenación de accións do CD Lugo reuníase esta mañá a porta pechada, para valorar as dúas ofertas polo paquete de 150.000 accións, atendendo a tres criterios establecidos nas bases reguladoras do procedemento de concurso: o prezo ofertado, o número de accións obxecto de compra e o proxecto deportivo.

Presentaron a súa oferta o empresario lucense Tino Saqués, que ofreceu 10.67 euros por acción, e o luxemburgués de orixe galego Gerard López, que foi de 10.02, polo que os dous superaron o prezo de saída das accións e é aquí onde xorden as discrepancias. Segundo algunhas fontes consultadas, Saqués sería xa o gañador do concurso, pero outras fontes afirman que o superar os dous o prezo de saída, aínda non está todo decidido, así que  haberá que agardar  por un criterio único para dita  avaliación e tamén polos puntos que se lle outorgue a cada proxecto deportivo, para saber definitivamente quen será o máximo accionista do CD Lugo.

En relación con este último criterio, e tendo en conta o seu carácter subxectivo, a Comisión acordou propoñer que sexa o propio Clube  o que informe dos dous proxectos, amparándose nos criterios establecidos nas bases reguladoras do proceso: o compromiso de permanencia no accionariado, o compromiso de participación de forma directa do licitador nos órganos de xestión do clube, e o propio proxecto deportivo. Para iso, a Comisión outorgou un prazo de dez días ao órgano correspondente do CD Lugo para que remita a valoración de ambos proxectos. Previsiblemente, a finais deste mes, a Comisión podeía facer  unha proposta de adxudicación destas 150.000 accións, 90.000 propiedade da Deputación e 60.000 do Concello que suporá a saída definitiva de ambas as dúas administracións do accionariado do clube de fútbol lugués.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com