Lugonovo instará ao Concello a aplicar a marxe de erro nos radares

Lugonovo instará ao goberno local a aplicar a marxe de erro nos radares en tódolos tramos de sancións. Para Santiago Fernández Rocha, voceiro desta agrupación, “máis da metade das sancións do ano pasado continúan en período de reclamación” e considera que “nalgúns casos a súa alegación ten moitos visos de prosperar ante a posibilidade de que na súa tramitación non se contemplara a marxe de erro establecido por lei”.

O voceiro de Lugonovo chega a esta conclusión tras analizar as respostas da Policía ás cuestións remitidas ao respecto, hai uns días, pola formación. Os edís e a edil do Grupo Municipal advertían que os dispositivos só viñan preparados para aplicar a marxe de erro no primeiro treito da multa, porque o radar non salta ata alcanzalo, “pero nos seguintes a velocidade que recolle o cinemómetro non resta os kilómetros proporcionais a ese desconto”.

A agrupación preguntou de que maneira se estaba a facer esta resta de kilómetros, pero a resposta obtida dende a Policía lévalles a pensar, asegurou a agrupación, que se fai automáticamente, polo que poderían estar mal tipificadas.

Dos catro dispositivos que operan na capital o de Infanta Helena é o máis rendible con 890 sancións emitidas durante o pasado exercicio. O segundo posto é para o que se atopa na Ronda da Muralla, a altura do Carme, con 766 infraccións, seguido do sito ante a Delegación da Xunta de Galicia con 359 e, por último, o da Avenida de Madrid con 234.

Santiago Fernández Rocha, asegurou que “pode ser que moitos infractores foran castigados, ademais de cunha retirada de puntos indebida, cun importe económico superior ao que lles correspondía”. “Non sería un caso aillado, nos últimos anos Tráfico xestionou de forma incorrecta máis de 300.000 multas en todo o Estado” que deron pé a case unha ducia de sentenzas en contra deste procemento, asegurou o voceiro.

Ante as incertezas de que en Lugo poida estar ocorrendo o mesmo, os concelleiros e a concelleira da formación instarán ao goberno para que, coa fórmula máis oportuna, esixa que a Policía acometa a verificación manual e a teña en conta na totalidade dos tramos sancionadores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com