A Consellería do Medio Rural apoiou aos consellos reguladores da provincia con axudas que sumaron máis de 557.000 euros o pasado ano para “consolidar a industria agroalimentaria baseada na calidade”.
Así o expuso hoxe o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nunha xuntanza de traballo que mantivo con representantes das sete denominacións e indicacións xeográficas protexidas con sede en Lugo.
Balseiro convocou aos responsables do Consello Regulador Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández; da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; da Denominación de Orixe Protexida do Queixo San Simón da Costa, Daniel Pérez; da Denominación de Orixe Protexida do Queixo do Cebreiro, Enrique Fernández; da Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Mougán, José Luis López; a Indicación Xeográfica Protexida da Faba de Lourenzá, Gema Iglesias; e a Indicación Xeográfica Protexida do Lacón Galego, Abel Yáñez.
O delegado destacou o labor que realizan estas entidades na protección dos produtos que representan, velando por que se respecten a calidade das materias primas e os métodos tradicionais de elaboración para, en definitiva, “engadir valor, gañar en competitividade e procurar maior rendemento económico e social” para o territorio no que se asentan.
Na xuntanza, os participantes valoraron as liñas de cooperación da Administración autonómica cos consellos reguladores, dado que a Xunta desenvolve accións tanto de control do produto como de promoción e difusión, ou mesmo de investigación e protección da calidade diferencial dos produtos amparados por indicativos de calidade.