Cidadáns apoiará os presupostos se se constrúe un colexio no cuartel de San Fernando

A voceira de Cidadáns Olga Louzao, provocou esta mañá un xiro inesperado nos acontecementos ao ofrecerse á alcaldesa, Lara Méndez, para aprobar os Orzamentos do Concello de 2017 se acepta a súa proposta de que no Cuartel de San Fernando se faga un colexio público no canto do previsto Museo da Romanización, do que nada se sabe desde hai anos. O Museo da Romanización trasladaríase ás instalacións do Fogar de Santa María, tamén de propiedade municipal pero cedido á Deputación.

“Lugo non pode pasar nin un día máis sen Orzamentos porque a cidade está absolutamente bloqueada e paralizada. Por iso, e aínda que non compartamos as formas e a xestión da alcaldesa, por responsabilidade, desde Cidadáns Lugo estamos dispostos a apoiar mañá mesmo os Orzamentos do Concello se se inclúen unha serie de actuacións para este ano que para nós resultan indispensables e que suporían unha auténtica aposta de futuro pola revitalización do casco histórico de Lugo”, argumentou Olga Louzao.

“Parece que os socios de Goberno da alcaldesa, Lugonovo e o Bloque, déronlle as costas e non están dispostos a aprobar os Orzamentos deste ano. Estamos a piques de rematar o mes de marzo e a cidade de Lugo segue sen Orzamentos e a este ritmo chegaremos ao verán sen planificación económica no Concello para este ano. O ano pasado os Orzamentos aprobáronse en maio e este ano imos polo mesmo camiño. Un Goberno responsable e eficaz ten que proceder doutro xeito e mostralo nos momentos importantes do seu mandato, así que convidamos á alcaldesa a ser valente e a aceptar a proposta de Cidadáns “, indicou a súa voceira.

O proxecto existente adáptase perfectamente para centro escolar

Cidadáns afirma que o anteproxecto presentado no ano 2010 para converter o Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, obra dos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj García, gañador dun concurso de ideas para a rehabilitación do edificio como museo e que propón unha intervención branda no inmoble, do século XVIII e que está declarado BIC, “adáptase perfectamente a un uso escolar”. De feito, moitos dos espazos deseñados, como a biblioteca, unha sala de usos múltiples de 150 metros cadrados ou un auditorio cun aforo de 100 persoas, servirían de destinarse a colexio. O propio anteproxecto prevé tamén “a transformación do patio interior nun espazo cuberto”, polo que tamén sería aproveitable como patio escolar, ao que se engadiría o espazo libre resultante na parte traseira.

Aparcar a RPT e un plan de actuacións detallado e cuantificado

Olga Louzao quere tamén un plan de actuacións detallado para 2017 nas contas do Concello para este ano, que inclúa obras e partidas concretas, como a consignación necesaria para rematar a obra da Praza de Abastos e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, un programa de catas arqueolóxicas no Carme para iniciar o proxecto Muramiñae e a peonalización da calzada romana e un plan plurianual de eliminación de barreiras arquitectónicas para 2017, 2018 e 2019, os tres que restan deste mandato, que duplique a cantidade orzamentada neste momento para accesibilidade até chegar aos 100.000 euros anuais. Tamén propón Cidadáns un plan plurianual similar para o mantemento dos colexios dotado con 200.000 euros ao ano até final de mandato, a dobra que na actualidade. Asemade, pide aparcar a RPT polo rexeitamento que ten entre os traballadores do Concello.

Tamén é condición de Cidadáns sacara a concurso os contratos caducados, así como a remunicipalización da grúa, da ORA e do servizo de recadación tributaria baseándose nos acordos plenarios que xa hai neste sentido.

Finalmente, Cidadáns quere que os comedores escolares dependan do Concello e que o contrato estea operativo para o comezo do vindeiro curso no mes de setembro. Do mesmo xeito e para evitar o “desbaldir e a mala xestión que ven denunciando nos últimos meses”, Olga Louzao quere que nos Orzamentos apareza “unha planificación e unha consignación orzamentaria detallada da área de Cultura e Turismo así como dos fondos europeos do proxecto Muramiñae para este ano”.

IBI para equipar o novo auditorio 

En relación á proposta da alcaldesa de “perdoar” o IBI á Xunta durante 6 anos a razón de 600.000 euros ao ano para equipar o novo auditorio, Olga Louzao dixo que Cidadáns considera que “é unha proposta lesiva para os intereses de Lugo” e propón que o “Concello se faga cargo só de 1,2 millóns de euros eximindo á Xunta do pago do IBI durante os exercicios 2017 e 2018 a razón de 600.000 euros ao ano”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com