O Concello de Lugo puxo en funcionamento a páxina web www.lugobiodinamico.eu, un portal co que implica á cidadanía no proxecto europeo Lugo+Biodinámico, unha iniciativa dotada con 3,5 millóns de euros coa que desenvolve iniciativas en prol dun urbanismo sostible e un mellor aproveitamento forestal, a nivel económico e ambiental, co fin, afirma o goberno local, de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e de transformar Lugo nunha cidade máis verde.
Esta nova web contén información sobre as actuacións impulsadas polo Concello no marco do programa, documentación, sección multimedia, actualidade, unha axenda, enquisas, networking e un formulario de contacto. Ademais, todos os contidos do mesmo están accesibles en tres idiomas: galego, castelán e inglés.
Asemade, a entidade local, aproveitando esta ferramenta tecnolóxica, tamén implica aos veciños, no desenvolvemento do proxecto europeo. O edil de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, animou á cidadanía a realizar esta enquisa que ten como obxectivo fomentar a participación cidadá, no desenvolvemento de estratexias de mitigación e adaptación ao cambio climático na cidade.
Quen o desexe pode cubrir a enquisa vía on line, na páxina web de Lugo+Biodinámico, dunha maneira rápida e sinxela, dende hoxe ata o día 30 de abril.