O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou esta mañá no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos, xunto cos representantes de 40 entidades e concellos da Ribeira Sacra, na mesa de traballo sobre o sector turístico organizada polo Goberno provincial no marco da preparación do seu Plan Estratéxico de Turismo. Este encontro pechou a fase de consulta ao sector, que incluíu a organización de 5 mesas de traballo nos concellos de Burela, Vilalba, Pedrafita do Cebreiro, Lugo e Monforte de Lemos, coa participación de preto de 200 entidades, incluídos os municipios.
Vidal Baamonde agradeceu a gran participación das asociacións e dos concellos da provincia e amosou a súa satisfacción pola gran cantidade de propostas e opinións recollidas grazas a este tipo de metodoloxías participativas, que confluirán no Plan Estratéxico de Turismo. “Este plan permitiranos impulsar o sector turístico para lograr un modelo máis competitivo, máis innovador e sostible”, destacou o Deputado provincial.
No encontro de Lemos, dedicado a analizar as debilidades e fortalezas do xeodestino Ribeira Sacra, participaron unha trintena de persoas, entre as que se encontraban os representantes de museos, consellos reguladores, asociacións de empresarios e comerciantes, grupos xestión do territorio, colectivos veciñais e asociacións culturais. Ademais, tamén asistiron Alcaldes e técnicos dos Concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, Pantón, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Taboada, Chantada e Carballedo.
A Mesa de Turismo prolongouse durante case tres horas e incluíu diversas dinámicas de grupo, nas que a paisaxe natural, a cultura do viño e o Románico foron os principais recursos destacados polos participantes. As deficiencias nas estradas, a mala sinalización dos recursos turísticos e o abandono do rural foron, pola contra, citados como puntos débiles. Ademais, os diferentes grupos de traballo sinalaron como unha oportunidade para o xeodestino e, polo tanto, como unha acción estratéxica pendente de desenvolver, a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
A seguinte fase do Plan inclúe o procesamento dos datos e a elaboración dunha diagnose do sector, que servirá de base para trazar as liñas estratéxicas e os plans de acción, tanto para o conxunto da provincia como para cada un dos 4 xeodestinos lucenses. O Executivo provincial ten previsto presentar publicamente o Plan Estratéxico de Turismo no vindeiro mes de xuño.