O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida levará ao Pleno ordinario deste mes de marzo unha proposición para que o Concello de Lugo elabore un censo municipal de inmobles desocupados ou en estado de abandono no ámbito de PEPRI (zona interior da muralla e contiguos de especial protección), e que se cataloguen os mesmos polo seu nivel de deterioro e a súa antigüidade. “Este labor é o paso previo imprescindible á necesaria reforma do propio PEPRI. A recuperación do casco histórico non pode levarse a cabo sen unha diagnose acertada da súa situación”, salientou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
“Faise evidente para calquera que o estado de deterioro inmobiliario no centro da cidade sufriu un importante acelerón nos últimos anos, en consonancia co aumento da desocupación das vivendas, sobre todo as máis antigas, ao deixar de recibir aos inmobles a atención requirida por parte dos seus propietarios”, sinala Portomeñe. “Pónse de manifesto que urxe a rehabilitación de grande parte dos inmobles afectados pola falta de coidado, tanto en aras da conservación patrimonial como da seguridade da veciñanza”. Así o confirman os datos que manexa o Instituto Nacional de Estatística sobre o estado de conservación dos edificios e inmobles do conxunto do municipio, pois recollen a existencia de 532 en estado ruinoso, 1.795 en moi mal estado e máis de 8.200 en estado deficiente. Segundo os últimos datos do INE, en 2011 era de 12.370 o total de vivendas desocupadas na cidade de Lugo, preto de 800 das mesmas son anteriores a 1900 e case 3600 anteriores a 1.960.
Os traballos de conservación necesarios son en moitos casos máis sinxelos do que pode parecer, como as tarefas de impermeabilización ou a restauración de partes localizadas en fachadas ou canlóns. Sen embargo, a dificultade das rehabilitacións vai en aumento canto máis tempo se tarda en actuar, polo que ACE-EU considera urxente a realización do devandito censo municipal.
“O Concello de Lugo non pode ser permisivo nesta situación que se agrava cada ano que pasa, nin agardar sempre a actuar de oficio ante as situacións de perigo por posibles derrubamento ou a lamentar a posteriori a perda de edificios de grande valor artístico ou histórico, como xa ten acontecido en demasiadas ocasións”, conclúe o concelleiro de ACE-EU.