Lugonovo denuncia que o Concello paga medio millón de euros ao ano a Cechalva sen contrato

“Sen contrato, dunha forma irregular e coa obxección, mes a mes, do interventor por abocar á administración a pagar contra factura unha prestación que, por riba, non é leal coas necesidades reais da cidade o que, convida a pensar que obedece a unha sobredimensión intencionada”, así denuncia Lugonovo a situación que mantén o goberno dende decembro de 2015 no servizo de retirada de vehículos da vía pública, logo de comprobar que, dende que expirou a concesión e as dotacións pasaron a ser municipais, a adxudicataria está a percibir o mesmo importe que cando era dona do material.

“Se os vehículos xa están amortizados pódese deducir que agora Cechalva está incluso mellor gratificada que antes”. Unha realidade que para Santiago Fernández Rocha non é “nin fortuíta nin aleatoria”. “Non é que o executivo non saiba botar as contas nin para sumar os días nos que se acumulan os reparos de legalidade, nin para medir que o que se paga polo servizo está completamente descompensado respecto ao que se lle demanda”.

Así o portavoz de Lugonovo refire que “o medio millón de euros anual que se embolsou a filial de Vendex en 2016 a conta das arcas públicas foi por efectuar un total de 933 saídas, é dicir, por retirar unha media de 2’5 coches ao día; debe ser un pola mañá, outro pola tarde e unha moto pola noite”, ironiza Fernández Rocha quen tamén remarca a escasa utilidade que durante todo este tempo tivo a plataforma especial, que só percorreu 6.000 km dende 2005″.

Os edís e a edil de Lugonovo poñen o foco ademais no despilfarro que supón, asemade, pagar polas instalacións que serven de depósito municipal. “A institución dispón de alternativas, ben no antigo matadoiro ben nos terreos que lindan coa sede da Policía Local, para cumprir as mesmas funcións… e gratis”, lembra Santiago Fernández Rocha, “en definitiva, un dispendio inexplicable”.

Ao seu xuízo, todo o contexto que atingue a esta concesión é “absolutamente irregular”. Ao anteriormente exposto, o voceiro da formación engade que os 11 traballadores do servizo comezan a amosar preocupación polo futuro das súas nóminas. “O Concello leva medio ano sen ingresarlle nada á compañía debido á complexidade burocrática que conlevan todas estas anomalías”, conclúe.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com