Ante as previsións meteorolóxicas dunha alerta laranxa por neve, prevista para as próximas horas, o Concello ten activo un dispositivo especial para garantir a seguridade de vehículos e peóns en todo o municipio.
Deste xeito, todos os servizos de emerxencia estarán en alerta para atender calquera incidencia que poida xurdir e para retirar a neve nas vías municipais onde dificulte a mobilidade. Ademais, o Concello informou esta mañá de que dispón dunha cantidade suficiente de sal para, no caso de ser preciso, esparexer onde sexa necesario.
A alerta afecta á cidade dende as 12 deste mediodía e espéranse precipitacións en forma de neve por riba dos 300 metros, cunha acumulación de ata uns 4 centímetros na zona centro de Lugo.
Por iso, o Concello recomenda extremar as precaucións ao volante, así como nos desprazamentos peonís ante a posibilidade de neve.