En Marea demanda unha investigación do Seprona polo vertido contaminante no río Azúmara

O Deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demanda que o Seprona realice unha investigación do vertido de purín que esta fin de semana contaminou o río Azúmara na zona de Pol e até Castro de Rei. 

“Abriu o Seprona unha investigación sobre este delito medioambiental? Cal é a orixe do episodio contaminante? Vaise penalizar con sancións aos responsábeis?”, son algunhas das preguntas que dirixe ao Goberno. 

Ademais, quere saber se o vertido chegou ao río Miño na zona de Castro de Rei: “Contaminou as augas do Miño? Adoptáronse medidas para evitar que a contaminación acadase o Miño?”. 

Fernán Vello explica na súa iniciativa parlamentar que a alerta por esta agresión medioambiental dérona os pescadores no amencer do domingo cando iniciaban a tempada de pesca en Ponte de Andión, na parroquia de Silva en Pol. “No exercicio da pesca atopáronse cunha grande mancha de cor negra que viña río abaixo, acadando a totalidade do seu caudal. Os pescadores avisaron ao servizo do Seprona da Garda Civil”. 

Os vertidos contaminantes destrúen a riqueza do río

O deputado de En Marea amosa a súa preocupación por este atentado ecolóxico e porque o luns 20 a mancha contaminante estaba xa ás portas do río Miño ao seu paso por Castro de Rei. Fernán Vello resalta a riqueza do ecosistema deste río que na súa desembocadura destaca pola grande cantidade de troitas. “É unha zona de pesca”. 

Para o deputado de En Marea é fundamental evitar que se repitan este tipo de feitos, e unha forma de paralos é abrir unha investigación e sancionar aos autores. Do contrario, sinala, haberá máis focos contaminantes porque non se adoptan medidas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com