O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este mércores a representantes de concellos de Galicia e Asturias os primeiros traballos que está a elaborar a Deputación xunto a especialistas na materia sobre o trazado histórico da Vía Rexia do Norte. Campos Conde presentou no municipio pontenovés a parte correspondente ao treito dende Lugo á Pontenova mentres o organismo provincial segue a avanzar no de A Pontenova-Vegadeo para culminar o estudo do trazado completo desta Vía.
O Goberno da Deputación e alcaldes de concellos galegos e asturianos defenden a recuperación da Vía Rexia do Norte, así como o seu recoñecemento oficial por parte da Xunta de Galicia como ruta histórica de peregrinación a Compostela, dentro do Camiño Norte a Santiago, que conta coa declaración de Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
A parte do estudo finalizada e presentada hoxe por Campos Conde fai unha análise sobre o trazado histórico do treito Lugo-A Pontenova. Mantén que a Ruta de Abres é a variante máis antiga do Camiño do Norte que entra en Galicia dende o Río Eo e discorre polo Camiño Real de Meira, achegando aos camiñantes á cidade de Lugo.
Con todo, este camiño é o único de todas as alternativas xacobeas que non obtivo recoñecemento oficial, xa que non se incluíu no decreto de delimitación oficial da Ruta da Costa (DOG do 23 de decembro de 2014). Do mesmo xeito, tampouco se oficializou o Camiño Real de Meira no decreto de delimitación do Camiño Primitivo (DOG do 31 de decembro de 2012).
O estudo apunta que a pesares da falta de sinalización, esta ruta estase a consolidar entre os camiñantes que se achegan a Lugo. Por todo o anterior, o Goberno da Deputación e os Concellos polos que discorre a Vía Rexia buscan impulsar medidas de protección e recuperación, así como o seu recoñecemento oficial, co obxectivo de potenciar a economía mediante a posta en valor dos recuros patrimoniais, históricos, culturais e ambientais, que ofrece esta antiga variante do Camiño.