O incendio declarouse nunha propiedade de tres andares situada en Seoane, na parroquia de Vilaronte en Foz. O lume queimou por completo o faiado e a planta superior. O resto do inmoble viuse afectado polo fume. A consecuencia do incendio unha muller foi trasladada a un centro sanitario tras sufrir unha crise de ansiedade.
Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 00:00 horas desta madrugada para alertar da situación. Acto seguido, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencia do 112 informou a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Barreiros e ao GES de Cervo. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil.
Segundo se lle indicou ao 112, o lume comezou na zona do faiado por mor da cheminea. Os efectivos mobilizados indicaron que o lume foi moi virulento, pola gran cantidade de roupa e caixas con libros almacenados no faiado.
A esta hora, os Bombeiros están traballando no punto, xa que o lume reavivou nunha das estancias da casa. Unha persoa particular alertou ás 8:30 horas desta mañá de que a casa estaba volvendo a arder.