A voceira do grupo municipal de Cidadáns, Olga Louzao, quere que o Concello de Lugo suspenda o cobro da plusvalía municipal nos casos nos que o contribuínte demostre que non houbo incremento de valor e, polo tanto, gananza patrimonial,ao igual que anunciou que fará o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no seu concello.
Cidadáns pide, a través dunha moción que será debatida no Pleno da vindeira semana, que se modifique o actual imposto de plusvalías municipal por resultar, “inxusto en moitos casos ao non ter en conta a situación real no caso de venda de inmobles e cobrar unicamente en función dunha estimación, do valor catastral e do número de anos transcorridos dende a adquisición”.
Segundo Olga Louzao, o Concello de Lugo recada ao ano 2 millóns de euros por plusvalías e a Ordenanza Fiscal número 201, reguladora do Imposto municipal sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, basea o cobro da plusvalía municipal nos mesmos criterios recollidos na Lei de Facendas Locais postos en entredito polo Tribunal Constitucional.
Louzao explica que paga o mesmo unha persoa que fixo un negocio lucrativo coa venda dunha parcela ou un inmoble, que aquela que lle perdeu cartos como consecuencia da crise económica ou doutros factores. A actual situación chega a ser, segundo a agrupación municipal, “tan inxusta” que mesmo obriga a tributar a aquelas persoas que foron desafiuzadas e perderon a súa vivenda.
Cidadáns explica na súa iniciativa que “o 16 de febreiro de 2017, o Tribunal Constitucional resolveu a cuestión de inconstitucionalidade promovida por un xuíz do contencioso de Guipúscoa sobre uns artigos da Norma Foral, que regula o Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, o que sería a Plusvalía Municipal” e que “os apartados cuestionados polo Constitucional son idénticos aos recolleitos na Lei de Facendas Locais, reguladora de dito gravame, e foron declarados inconstitucionais e nulos na medida en que someten a tributación situacións de inexistencias de incrementos de valor”.
Do mesmo xeito, Cidadáns tamén insta ao Goberno municipal a estudar a posible devolución do cobrado inxustamente a aqueles contribuíntes que non obtivesen plusvalías coa transmisión de inmobles sitos no termo municipal de Lugo, así como a arbitrar as medidas necesarias mediante as cales os afectados poidan reclamar as cantidades satisfeitas en concepto de Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana nos casos nos que non se produciu tal incremento.