A Deputación de Lugo súmase, un ano máis, á Hora do Planeta, mañá sábado, 25 de marzo, apagando as luces do Pazo de San Marcos, dende as 20:30 ás 21:30 horas, simbolizando así o compromiso do ente provincial coa convocatoria promovida pola organización WWF contra o cambio climático, a maior iniciativa global en defensa do medio ambiente.
O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, convidou a todos os lucenses a sumarse a este iniciativa e subliñou que “o organismo provincial non pode ser alleo a este tipo de campañas, xa que son fundamentais para concienciar e sensibilizar na loita contra o cambio climático”.
Esta cita, que xa vai pola décima edición, alcanzou unha alta participación nos anos anteriores, pois contou cunha implicación de 35.000 empresas. Este ano, son 7.000 cidades de todo o mundo e 350 só en España, as que xa están inscritas para participar neste acto simbólico.