O Grupo municipal de Ciudadanos levará ao Pleno municipal do xoves da vindeira semana unha iniciativa cunha serie de melloras no Colexio Illa Verde, en concreto a peonalización dun tramo da rúa Roi Xordo, que divide en dúas partes as instalacións do centro educativo, para incrementar deste xeito a seguridade dos alumnos e alumnas e a cesión dun solar municipal sen uso que hai pegado ao colexio para que sirva de patio ás aulas de infantil, que carecen de zona de esparcemento. Estas medidas contan co apoio da ANPA e da dirección do centro.
O concelleiro de Ciudadanos, Jesús Expósito, que é membro do Consello Escolar do colexio Illa Verde en representación do Concello de Lugo, explica que “as tres aulas de infantil do colexio, no que estudan 75 nenos e nenas, están nun edificio anexo, separadas do resto das instalacións do centro educativo pola rúa Roi Xordo, que se ven obrigados a cruzar varias veces ao día para ir ao comedor, ao pavillón deportivo ou ás aulas de actividades, que se atopan nas instalacións que están do outro lado da rúa, o que supón un perigo evidente para estes pequenos e pequenas”.
Por iso, Ciudadanos propón peonalizar o tramo de rúa que discorre diante do colexio para aumentar deste xeito a seguridade dos nenos e nenas. “Dese xeito ademais conseguiriamos que non estivesen pasando os coches ás horas de entrada e saída do colexio, nas que en moitos casos os alumnos e alumnas se ven obrigados a camiñar pola calzada por entre os coches porque as beirarrúas son moi estreitas e están obstruídas moitas veces con vehículos estacionados nelas”, denuncia Expósito, que explica que “a peonalización deste tramo de rúa, duns 100 metros, non supón ningún problema porque ten saída e entrada pola rúa Erín por un lado e pola rúa do Trebo e Cornubia polo outro para dar entrada tanto aos residentes como ás prazas de estacionamento en superficie que hai na zona”.
Ciudadanos considera esta medida “absolutamente viable e sen custo algún” e afirma que “soluciona moito mellor o problema do tráfico e da seguridade viaria dos cativos e cativas no entorno do centro educativo que a proposta polo Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, e a alcaldesa, Lara Méndez, nunha recente xuntanza coas ANPAs, na que lles pediu que organizasen turnos de voluntarios para regular o tráfico e vixiar as entradas e saídas dos colexios. “A nosa proposta é máis factible, doada e barata”, compara Jesús Expósito.