A Deputación celebrou hoxe un Pleno Extraordinario a proposta do PP, pois dita formación política rexistrou o pasado 17 de febreiro a solicitude desta sesión plenaria. Transcorridos os prazos legais para a súa convocatoria, esta tivo lugar no día de hoxe automáticamente, atendendo á normativa vixente.
O Presidente, Darío Campos Conde, non adiantou a celebración deste Pleno, pois antepuxo a aprobación do Orzamento da Deputación para 2017, convocando para elo un Pleno Extraordinario, que tivo lugar o 14 de marzo.
O Artigo 89 do Regulamento Orgánico da Deputación establece que “… no caso de solicitude de pleno extraordinario pola cuarta parte dos deputados provinciais, se o presidente/a non convocase o Pleno extraordinario solicitado, quedará convocado automaticamente para o décimo día hábil seguinte ao de finalización do prazo sinalado no artigo anterior, ás doce horas”.
O Partido Popular decidiu finalmente retirar a súa proposta de Regulamento Orgánico (ROG) para a Deputación, que era o único punto da orde do día do seu Pleno Extraordinario, “facendo perder tempo e cartos públicos á institución”, afirma o ente provincial en nota de prensa. No caso do Goberno, o único membro que tiña dereito a percibir dieta pola súa asistencia, renunciou á mesma, ao igual que todos os deputados populares que decidiron non cobrar esta dieta debido ao caracter extraordinario da sesión.
Para o ente provincial, as palabras da voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, durante a sesión plenaria contradícense cos seus feitos, “chegando a incorrer na mentira”. Para o PSOE, Candia defendeu o “consenso e o diálogo” para a modificación do ROG; sen embargo, tentou impoñer un texto sen ter en conta ás aportacións dos demais grupos políticos na Corporación Provincial, presentando hoxe a proposta exclusivamente do Partido Popular.
Aínda que Candia manifestou que esperaba que algún grupo político presentara modificacións á súa proposta, o goberno provincial afirma que non foi así e que “non é a primeira vez, que esta formación política impón un Regulamento Orgánico”, pois así o fixo no ano 1986. En contraposición, a proposta dun Presidente do PSOE na Deputación, creouse unha comisión especial coa representación de todas as formacións políticas na Corporación Provincial, que, conxuntamente, elaborou un novo ROG, aprobado por unanimidade definitivamente no 2011, tras reunións e traballo en equipo.
Por outro lado, a Deputación critica que Candia defendeu hoxe, por primeira vez, a creación dunha comisión de traballo, e ata animou ao Presidente a convocala, palabras que, segundo afirma a corporación, “distan moitos dos seus feitos”, pois no Pleno do 29 de decembro de 2016, cando o Goberno da Deputación lle propuxo crear este grupos de traballo, o PP de Candia dixo non.
O Goberno da Deputación segue a defender un ROG consensuado por todos os grupos políticos, que sexa aprobado pola unanimidade dos mesmos como o foi o actual, pois é o documento normativo que rexe o funcionamento da institución agora e no futuro, condicionando, polo tanto, a este e outras Corporacións Provinciais.