Tras aprobar a cesión dos terreos para construír una nova escola infantil en Lugo con 82 prazas, na zona das Termas, o Goberno local dá un paso máis levando ao Pleno ordinario deste xoves a aprobación do convenio de colaboración a tres bandas entre o Concello, a Fundación Amancio Ortega (FAO) e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que permitirá a construción e xestión dunha nova gardería.
Así o anunciou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen explicou que o acordo a subscribir establece que o Concello pon os terreos a disposición do Consorcio e pasa a integrarse neste ente autonómico; pola súa banda, a Fundación Amancio Ortega ocuparase da redacción do proxecto, a construcción das instalacións e o equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico; e o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar ocuparase da súa posta en funcionamento e xestión, formando parte da súa rede pública de centros.
Segundo o convenio, o prazo máximo para o inicio da obra de construción, unha vez posto o terreo a disposición da FAO, é de seis meses dende a obtención dos permisos ou licenzas necesarias para elo, non podendo transcorrer máis de doce meses dende a data de inicio ata a súa finalización. Para o seguimento e avaliación do convenio crearase unha comisión mixta que estará integrada por un representante do Consorcio, dous da FAO e un do Concello, e que se reunirá cando así o solicite algunha das partes e, cando menos, cunha periodicidade semestral.
Para o Goberno local, a escola infantil das Gándaras promovida pola Fundación Amancio Ortega é un “proxecto prioritario e necesario para a cidade“, dada a ampla demanda de prazas de gardería