‘Galicia, Mellor sen Touradas’ cualifica de “insultante” o voto do PSdeG sobre as touradas onte no Pleno da Deputación

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas ven de considerar “insultante” e vergoñenta a posición do PSdeG na Deputación de Lugo ao respecto da moción que pretendía declarar a provincia ‘contraria as touradas’ e reforzar as posicións institucionais para non subsidiar estes actos cruentos cos animais.

A posición dos deputados provinciais socialistas foi, efectivamente, caótica. Varios deputados votaron a favor da proposta presentada polo BNG, outros tantos se abstiveron reflectindo incluso unha postura diferente ao debate de idéntica moción en 2015, e mesmo o vicepresidente votou xunto co Partido Popular, en contra das disposicións contidas na iniciativa.

Neste senso, os abolicionistas subliñan que a postura socialista confronta directamente co apoio que recibiron as mocións presentadas hai dous anos nas Deputacións da Coruña e de Pontevedra, onde xa se conseguiu un importante aforro ao non apoiar a realización de touradas e outros eventos de maltrato aos animais baixo un suposto halo cultural ou de divertimento.

O voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, explicou que o anuncio da celebración dun acto destas características no veciño Concello do Páramo, onde o grupo socialista local mesmo criticou esta “ocorrencia”, xustificaba un novo debate serio ao redor da pervivencia da tauromaquia na provincia de Lugo e no conxunto da comunidade.

Pérez lembra que tan só o 0,3% da cidadanía galega manifestou ter asistido a un evento taurino no periodo 2014-2015, datas do último estudo de hábitos e prácticas culturais elaborado polo Ministerio de Cultura, administración “pouco sospeitosa de antitaurina”.

O rexeitamento desta iniciativa no pleno provincial non variará, sen embargo, a estratexia da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, que en verbas do seu responsable, “seguirá confrontando a posición da Deputación de Lugo e os anuncios de touradas nos concellos da mesma provincia, con campañas e iniciativas para erradicar unha práctica violenta e salvaxe que se beneficia dos cartos públicos para subsistir”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com