O CD Lugo tomaba a iniciativa desde o comezo do encontro. Ben situados e moi seguros no manexo do balón, os de Luís César avisaban pronto en ataque cunha boa ocasión de Joselu, que conectaba de primeiras o seu remate a centro cruzado, obrigando a Badía a intervir por primeira vez.
O CF Reus, esperaba a súa oportunidade á contra ou en segunda xogada tras envío a Máyor, o seu home referencia arriba.
Un envío perigoso de Caveira servía para que Josleu levase o perigo e a mellor ocasión ata o momento, á meta do conxunto catalán. Envío raso, chegada do punta con potencia, e paradón de Badía que se atopaba co esférico con moita fortuna. A resposta rival, nunha aproximación de Maýor ao corazón da área local, cun remate ao primeiro toque que Roberto atallaba con seguridade. O encontro chegaba ao descansa con empate a cero no marcador.
A segunda metade comezaba con moita intensidade por parte de ambos equipos. Minutos de traballo e constancia dos homes de Luís César fronte a un rival que daba o primeiro susto nunha contra de Máyor que o punta non acerta a finalizar. Era neste período inicial do segundo acto cando mellor se atopaba o equipo local, manexando con claridade o balón e ofrecendo numerosas ocasións de gol, como a protagonizada por Fede Vico, en duro disparo fronte a Badía.
O partido pertencía ao conxunto amurallado, que exhibía mellor manexo de balón que o seu rival, e máis solidez na proposta ofensiva. Coa entrada de Caballero, o CD lugo pasaba a xogar con dobre punta en ataque e incrementaba o seu poder ofensivo en metros finais. Luís César daba minutos a Carlos Pita ,quen, nada máis saltar ao verde, servía unha magnífica ocasión a Campillo, que non chegaba ao remate por centímetros. Aposta total por lograr o tanto do triunfo.
Co choque a piques de finalizar, o CD Lugo dispoñería da súa mellor ocasión fronte á meta catalá, e non fallaría no seu labor. Carlos Pita servía un balón longo sobre a área rival, e ao segundo pau, e entrando con velocidade, Yelko Pino lograba conectar un difícil remate. O gol conseguido daba por concluída a contenda, pechando así o partido, e outorgando os tres puntos aos de Luís César.