O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño, a Concelleira Rosa Morán, o Presidente e o Xerente da comisión organizadora de MOEXMU, Daniel Pollán e José Manuel Rus, presentaron hoxe no Pazo de San Marcos a XXXIII Mostra de Exposición de Muimenta. O Goberno Provincial converte á Deputación na única administración que colabora economicamente con esta cita, xunto co propio municipio, pois a Xunta de Galicia non colabora con cartos, aínda que agardan que finalmente decida sumarse.
O Executivo lugués achega 12.000 euros, orzamento que se incrementa coas exposicións e actuacións de profesionais de artesanía e música, que tamén leva a través do CentrAD e do Musiqueando da Deputación.
A MOEXMU, que terá lugar dende este venres e ata o domingo no recinto Manuel Vila de Muimenta, en Cospeito, reúne unha media de 15.000 visitantes. Os beneficios que deixa oscilan entre os 2 e os 4 millóns de euros, pois, ademais da poxa de animais que superan os 300.000 euros, ponse á venda maquinaria agrogandeira, tanto nova como usada ademáis de vehículos.
Santos Ramos afirmou que a colaboración do Goberno da Deputación enmárcase dentro da súa aposta “polo impulso do sector primario e da dinamización da economía na provincia”.
A MOEXMU, que xurdiu no ano 1985, é todo un referente na provincia e máis alá da mesma, xa que nela participan profesionais doutras provincias como Asturias, León, Zamora, Salamanca e Cáceres. Trátase dun dos mellores escaparates do sector primario pola cantidade e calidade dos animais, maquinaria e produtos autóctonos.
Nesta edición, haberá 108 cabezas de gando, cun valor de 312.900 euros, de 26 explotacións gandeiras, das que 22 son de Lugo (Terra Chá, Mariña e Chantada); 2 da Coruña e 2 de Pontevedra. Contará cuns 100 expositores do ámbito artesanal, moble, produtos gastronómicos e automóbil.
A inauguración da mostra será o venres ás 7 da tarde co pregón do xornalista Paco Nieto e continuará o sábado e o domingo en horario ininterrompido de 10:00 a 21:00 horas.