A expectación que xerou na cidadanía a rehabilitación do Vello Cárcere traduciuse nun rotundo éxito de público durante a primeira fin de semana tras a súa apertura. Máis de 5.000 persoas pasaron entre o venres e o domingo polo centro cultural, segundo anunciou a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. O edificio está a recibir un fluxo constante de visitantes “que teñen moitas ganas de ver a rehabilitación, pois durante nove anos estivo en obras e moitos veciños e veciñas foron vendo pouco a pouco como se ía construíndo, pero non puideron acceder”.
A edil espera que o Vello Cárcere siga atraendo visitantes e que os que xa viñeron volvan. Para iso, estase a dotar de contidos. Para mañá, ás 19:00 horas, no auditorio está prevista una conferencia do profesor mexicano Daviel Reyes, O Culto á Santa Morte. Breve análise do culto á Santa Morte ou ao culto ao único seguro. O xoves, ás 20:00 horas, inaugurarase a exposición Unha Cárcere, unha porta e un xardín que aborda a historia da cárcere, e para o día 28 de abril está prevista a apertura doutra mostra, sobre a memoria histórica da prisión, “é dicir, vamos a falar de todos aqueles presos que nalgún momento estiveron alí, coñecidos por case todos nós, e que aínda moitos teñen familiares”. Esta exposición estará aberta case todo o ano, ata finais de outubro, “para coñecemento e para non esquecer”, sinalou Basadre.