O Grupo Municipal do PP advirte do aumento de accidentes de tráfico na cidade desde a chegada de Lara Méndez á alcaldía

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, revela que o municipio rexistrou case cinco feridos por accidentes de tráfico de media cada semana ao longo de 2015, ano no que houbo un total de 237 feridos en vía urbana segundo as estatísticas oficiais da Dirección Xeral de Tráfico correspondentes a ese ano, o último do que hai referencias completas.

Segundo expón o popular, a comparativa co resto de cidades galegas é “demoledora”, ata o punto de que “non só a probabilidade de sufrir un sinistro en Lugo é a máis alta de toda Galicia senón que un lugués ten practicamente o dobre de posibilidades de verse involucrado nun accidente de tráfico que un ourensán, cando o perfil demográfico deambas as dúas cidades é moi similar en aspectos como o número de habitantes ou a súa media de idade”.

Paralelamente, o vicevoceiro popular incide en que “o notable deterioro da cidade en materia de seguridade viaria dende a chegada de Lara Méndez á alcaldía apréciase ben no número de peóns feridos en vía urbana, xa que os do primeiro ano completo da alcaldesa (2016) duplicaron os do último ano completo do ex rexedor (2014)”, ao pasar de 0 a 2 falecidos e de 38 a 61 feridos.

En opinión de Antonio Ameijide, resulta “incomprensible” que a alcaldesa asista “impasible” á escalada de percances, cun “mantemento evidentemente deficiente das vías públicas” e con “parches puntuais” de “escasa incidencia” e que nalgún caso mesmo agravan a situación previa ao xerar novos riscos por factores como a contradición entre a sinal vertical e horizontal, como acontece dende o último repintado viario no acceso dende a Avenida de Madrid ás facultades de Enfermaría, Humanidades e Relacións Laborais, ao complexo deportivo de As Pedreiras e ao Pazo Provincial dos Deportes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com