Francisco Conde destaca o impulso á Formación específica como clave para favorecer emprego de calidade na provincia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Monforte na entrega dos diplomas aos participantes en varios obradoiros de emprego de nove municipios da zona, “que o impulso á formación específica é clave para favorecer o acceso a postos de traballo de calidade”.

Conde apuntou así mesmo que estes programas formativos impulsados pola Xunta logran unha inserción laboral de preto do 60% e son unha das claves para continuar coa tendencia positiva dos datos do paro na provincia.

Na súa intervención, Conde subliñou a colaboración institucional cos diferentes concellos o que posibilitou a realización dos talleres aos que hoxe se puxo remate, beneficiando a un total de 75 alumnos que recibiron formación específica e un contrato de traballo durante o período que durou o obradoiro, ao tempo que se beneficiou a cidadanía coa realización de obras e servizos nos municipios participantes.

Os obradoiros da zona sur de Lugo centráronse en eidos como a instalación e mantemento de xardíns, a atención sociosanitaria a persoas dependentes, fábricas de albanelería, operacións auxiliares de acabados ríxidos e de urbanización, revestimentos lixeiros e técnicos en construción ou a montaxe e instalación de construcións de madeira.

En total, 1.600 galegos e galegas poderán participar este ano nos obradoiros de Emprego aos que a Xunta destina 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que en 2016.

O conselleiro, que lembrou que onte mesmo rematou a presentación de solicitudes para a convocatoria xeral de axudas para financiar obradoiros, avanzou que o vindeiro luns 10 de abril sairá publicada no DOG unha nova edición do programa específico para talleres dirixidos a menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil.

Francisco Conde fixo fincapé no apoio aos colectivos que precisan de maior atención e sinalou ademais que o vindeiro xoves 6 de abril sairán publicadas no DOG as axudas para incentivar a contratación de desempregados de longa duración maiores de 45 anos, en total dous millóns de euros para apoiar a contratación entre empresas e autónomos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com