O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá co presidente e co director de Renovables do Grupo Norvento, Pablo Fernández Castro e Iván Nogueiras Pérez, respectivamente, para coñecer o primeiro parque experimental de I+D+i en España vinculado á enerxía eólica e que esta empresa ten previsto construír no municipio lucense da Pastoriza co obxectivo de facilitar o autoconsumo industrial. O conselleiro puxo en valor a oportunidade que supón esta iniciativa para ofrecer, desde Galicia, novas solucións tecnolóxicas no sector eólico e das enerxías renovables.
Este parque experimental, que se encontra na fase de tramitación administrativa e cunha potencia prevista de ata 2MW, inclúe o desenvolvemento dunha gama de aeroxeradores de media potencia que serán avaliados para a súa posterior fabricación en serie e comercialización. En concreto, o deseño proposto por Norvento está exento de sistema hidráulico e incorpora solucións tecnolóxicas innovadoras para os aeroxeradores comerciais de potencia media (entre 100 e 700 kW).
O parque contará con dúas fases de construción. A primeira, cun investimento inicial de máis de 3,5 millóns de euros, consistirá na instalación de dous aeroxeradores cunha potencia individual de 100 kW. A segunda fase incluirá a construción doutros 3 aeroxeradores. Unha das novidades que presenta este proxecto é a posibilidade de cambiar a potencia das unidades, é dicir, poder substituír os aeroxeradores por máquinas de ata un máximo de 700 kW. Esta circunstancia permitirá á empresa avaliar que máquinas se axustan mellor ás necesidades do mercado. Norvento xa exportou máis de 25 unidades ao Reino Unido, que se están utilizando en explotacións agropecuarias e zonas portuarias.
Conde destacou que esta iniciativa innovadora permitirá desenvolver proxectos de I+D+i na comunidade coa posibilidade de comercializar os produtos no exterior, colocando a Galicia como un referente a ter en conta neste ámbito. O conselleiro lembrou a aposta da Xunta por apoiar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica que consolide a posición de Galicia no sector, o que contribúe á creación de emprego e á xeración de riqueza.