O Grupo Municipal do PP considera “inadmisible” que por vez primeira o Concello de Sarria vaia ter a Oficina de Turismo pechada durante a Semana Santa, como así vén de facer público a alcaldesa a través dos medios de comunicación.
“Demostra, unha vez máis, o xeito absolutamente reprochable que ten esta alcaldesa de gobernar e a súa incapacidade e absoluta desidia para estar á fronte do equipo de Gonerno”, precisan desde o PP. Os populares recordan que hai máis de 200 familias cuxas actividades comerciais están relacionadas directamente co Camiño de Santiago e que se verán notablemente prexudicadas por este novo erro de xestión do Goberno local.
Manter pechada a Oficina de Turismo privará a todos os camiñantes e visitantes de obter información sobre aloxamentos, hostais, comercios e outros servizos, “polo que os efectos sobre a economía local son máis que evidentes”, explican os populares.
Desde o Grupo Municipal do PP lamentan ademais que a alcaldesa empregue como única escusa a persecución do persoal municipal, cando todos os anos se contou cos mesmos recursos, o que non impediu que a Oficina de Turismo funcionara con normalidade durante os días festivos e a Semana Santa.
Engaden ademais que, en anteriores etapas, desde o Concello se teñen buscado alternativas, como contar con contratacións temporais, voluntariado, persoal en prácticas ou colaboradores. “A incapacidade da alcaldesa chega a tal punto que se queda de brazos cruzados mentres centos e centos de peregrinos pasan por Sarria sen ter quen os informe dos nosos recursos e os nosos servizos”.
Axudas destinadas ao turismo
O Grupo Municipal do PP censura que o Goberno local deixara perder axudas que poderían evitar esta situación. Así, recordan que a Deputación de Lugo articulou, por vez primeira, un plan, o DepuEmprego que poderían ter solicitado para cubrir a praza de turismo, pero non o fixeron.
Por se isto fora pouco, o Goberno local perdeu en outubro unha subvención da Xunta de Galicia de 28.000 euros para a mellora da información a través de novas tecnoloxías e a sinalización do Camiño a Santiago. Primeiro solicitouna e cando lla deron renunciou a ela, explican.