O Goberno da Deputación achega 3 millóns aos 18.000 veciños da Montaña co Plan Único

O Goberno do PSOE na Deputación leva aos 18.000 veciños da Montaña lucense un investimento de 2.923.937 euros a través do Plan Único. O Presidente do PSOE na Deputación, Darío Campos Conde, e o voceiro do Goberno Socialista Grupo Provincial Socialista, Álvaro Santos Ramos, acompañados de Alcaldes, voceiros, militantes e simpatizantes do partido en 11 Concellos desta zona, informaron sobre os investimentos do Goberno Provincial para os veciños destes municipios mediante dita programación.

Campos Conde explicou que o Plan Único conta con 20 millóns de euros. “Distribuímos estes fondos nos 67 Concellos, atendendo á superficie, poboación, entidades poboacionais e índice de envellecemento de cada municipio”. En base a isto, o Executivo do PSOE na Deputación achega aos veciños de Baleira: 257.307 euros; Baralla: 273.112 euros; Becerreá: 283.731 euros; Cervantes: 294.113 euros; Folgoso do Courel: 259.316 euros;  A Fonsagrada: 399.270 euros; Navia de Suarna: 284.138 euros; Negueira de Muñiz: 188.788 euros; As Nogais: 226.538 euros; Pedrafita do Cebreiro: 241.467 euros; Ribeira de Piquín: 216.157 euros.

As únicas axudas anuais para obras e servizos sociais nos Concellos

Campos Conde detallou que “establecemos que, canto menos, o 50% do orzamento que reciba cada municipio se dedique a novos investimentos cos que ofrecer novos servizos públicos aos veciños e que reactiven a economía local, así como que se manteñan, como mínimo, as mesmas cantidades que os Concellos recibiron o ano pasado para o Servizo a Domicilio a persoas non dependentes, DEPUEMPREGO e POS”.

“Temos que ter en conta que todos os maiores da nosa provincia, agás os do municipio de Lugo, que non están catalogados como dependentes non reciben nin un só euro por parte da Xunta para contar co Servizo a Domicilio, sendo a Deputación a única que financia esta prestación. O POS e o DEPUEMPREGO son, en moitos casos, as únicas axudas que, en todo o ano, reciben os Concellos, grazas ao PSOE na Deputación, para mellorar prestacións públicas municipais e xerar emprego directo. Lamentablemente, son varios os municipios que poden atender as necesidades prioritarias dos seus veciños só con axuda dos socialistas dende a Deputación”.

“Con este Plan, queremos contribuír a mellorar a calidade de vida dos veciños dunha provincia envellecida e rural, como a nosa, cos seus fondos públicos na Deputación, remarcou.

35 millóns de euros

O Presidente destacou que “durante décadas, os veciños da Montaña sufriron a discriminación máis absoluta co PP no Goberno da Deputación. Nos últimos anos, co PSOE no organismo provincial, tentamos facer xustiza, levando investimentos por valor de 35 millóns de euros á Montaña. Queda moito por facer polo que non cesaremos neste traballo, xa que os veciños desta Comarca requiren das mesmas prestacións públicas que o resto de cidadáns”.

Neste senso, Campos Conde remarcou que só durante o 2016 o Goberno Provincial levou á Montaña investimentos de case 5 millóns de euros. “Este ano, xa están previstos os 3 millóns co Plan Único, que se incrementarán coas necesarias programacións provinciais que poremos en marcha ao longo do ano”, adiantou.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com