O Concello de Lugo vén de recibir a notificación dun auto ditado polo Tribunal Supremo, no que resolve admitir a trámite o recurso que presentou a Administración municipal contra a sentenza que a obriga ao pago da débeda contraída pola empresa Frimiño coa Seguridade Social.
Con esta decisión, o Tribunal Supremo dalle a razón aos argumentos expostos polo Concello de Lugo en contra da solicitude de inadmisión do recurso que fixera a Seguridade Social.
O Tribunal Supremo, ademais de admitir o recurso de casación interposto polo Concello de Lugo, tamén acorda impoñerlle á Seguridade Social o pago das costas xudiciais deste incidente por importe de 1.500 euros.
O Concello de Lugo impugnou diante do Tribunal Supremo unha sentenza que declarou á Administración municipal responsable solidaria das débedas contraídas coa Seguridade Social pola mercantil FRIMIÑO, S.L., empresa que xestionou o Matadoiro Municipal, polo impago de cotas dos seus traballadores.
O Supremo rexeita as causas de oposición á admisión do recurso que alegou o Letrado da Seguridade Social, e ten en conta as motivacións que argumentou a Asesoría Xurídica do Concello de Lugo.
O auto do Alto Tribunal considera que tanto o importe da cuantía como as alegacións formuladas respecto da posible prescrición da débeda reclamada ao Concello, xustifican a interposición do recurso de casación por parte da Administración local.