A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este venres no Museo Provincial o Lugo Numismático 2017, que este ano celebra a súa cuarta edición. Esta cita, que reúne a historiadores, expertos e profesores en torno a ciencia que estuda as moedas, está protagonizada por charlas, conferencias e unha visita guiada a Portomarín.
García Porto remarcou a importancia de coñecer e recoñecer a nosa historia para poder seguir construíndo o noso futuro. “As moedas son un documento político que reflicten a testemuña dos intercambios e da economía dos pobos, así como a súa historia política, xeográfica ou relixiosa. Hoxe aquí, podemos coñecer a Jubia, a última moeda que se cruñou en Galicia. Descubrir esta moeda significa coñecer de preto a historia de Galicia”.
A Deputada explicou que este encontro achega ao público charlas e conferencias que enriquecen aos afeccionados da numismática a descubrir novos segredos, como por exemplo os moedeiros peregríns da Idade Media, o Antoniano que se utilizaba no século III, ou as claves para iniciarse ao coleccionismo. “Esta cita convertese nun verdadeiro escaparate da numismática galega”.
Na presentación participou o organizador e Presidente da Asociación Numismática Val de Ariz de Láncara (ANVAR), quen agradeceu a implicación da Deputación e do Museo Provincial na promoción deste evento. “Este museo alberga moitas pezas importantes da numismática galega, por iso consideramos que era o lugar ideal para celebralo, e lembrou que esta cita está aberta ao público en xeral, e serve para achegar a historia das moedas galegas a todos os lucenses”.
“Jubia. Catalogo especializado”
Pablo Núñez presentará xunto a Daniel Casal o seu último libro; “Jubia. Catalogo especializado”. Esta edición narra a historia da última moeda que se cruñou en Galicia no 1868, concretamente na vila coruñesa de Neda. Nesta publicación están catalogadas máis de 200 moedas, e contén curiosidades como erros de cruño ou pezas reselladas, ademais catalóganse un amplo número de falsificacións da época. Por último tén máis de 30 análises metalográficos, táboas e gráficos que comparan a rareza relativa entre os distintos exemplares da época.
Programa
VERNES, 7 DE ABRIL
Museo Provincial de Lugo
11:30 h. Inauguración do acto.
12:00 h. Charla “A batalla de Calípolis e a consagración de Constantinópolis na moeda do periodo“, a cargo de Bernardino Fernández Casas, investigador independente.
12:30 h. Charla “O Antoniniano, a moeda romana do século III“, a cargo de Emilio Pinto Pinto, investigador independente.
13:00 h. Quenda de preguntas.
16:00 h. Charla “Moedeiros peregríns na Idade Media“, a cargo de Antonio Roma Valdés, doutor en Historia.
16:30 h. Charla “Iniciación ao coleccionismo numismático“, de Víctor Almeida García, Círculo Filatélico e Numismático de Ferrol.
17:00 h. Charla “Numismática galega do século XXI, emisións 2001-2010“, a cargo de Antolín Zapirain Fernández, administrador de monedasgallegas.com
17:30 h. Descanso.
18:00 h. Charla “As novas tecnoloxías como medio de difusión das coleccións: o caso da colección de moedas de Xuvia do MAH de A Coruña“, da doutoura en Historia de Ana Isabel Bello Platas.
18:30 h. Presentación del libro: Jubia, Catálogo especializado, polos autores Daniel Casal Fernández e Pablo Núñez Meneses.
19:00 h. Quenda de preguntas.
SÁBADO, 8 DE ABRIL
Portomarín, Lugo
11:00 h. Saída desde Lugo (Praza Bretaña) con bus gratuíto , previa inscrición no correo nn.coins@gmail.com.
11:45 h Visita guiada a Portomarín: Igrexa de S. Xoan, Capela das Neves, etc.
12:30 h. Charla “Probas e “Proofs” na numismática medieval e moderna peninsular”, a cargo de Pablo Núñez Meneses, doutor en Historia.
13:15 h. Xantar social en Mesón O Loio, 25 euros.
17:00 h. Clausura do Lugo Numismático 2017 e regreso a Lugo.