O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente de FUDACE, Luis Abelleira Mayor, acompañados polo Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, asinaron este sábado o convenio mediante o cal o Goberno Provincial cede gratis a este colectivo terreos provinciais de 80.000 metros cadrados, que teñen un valor catastral de 500.000 euros, durante un período de 50 anos. Con esta cesión, a Fundación de Dano Cerebral conta co espazo necesario para habilitar a primeira unidade de patoloxía dual que existe en Galicia, así como a segunda en España, pois só hai unha en Palencia.
Campos Conde subliñou que este acordo “é unha mostra máis da Deputación coas persoas, social e rural que defendemos dende o Goberno Provincial. Baixo esta premisa, levamos a cabo todas aquelas iniciativas que estean ao noso alcance para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Queremos pór a disposición dos cidadáns todos os recursos públicos do organismo provincial. Queremos contribuír á posta en marcha de proxectos que ofrezan servizos sociais necesarios nos Concellos, defendendo a igualdade de oportunidades vivas onde vivas”.
“E creo que todo isto o cumpre o convenio que asinamos hoxe. Pois cedemos gratis a FUDACE estes terreos provinciais, dándolles un uso público e social en claro beneficio dos nosos veciños, dos que máis necesidades teñen, aos que lles queremos ofrecer no rural unha prestación fundamental para a súa calidade de vida. Contribuímos, ademais, á dinamización da economía local xa que o funcionamento destas instalacións suporá a xeración de novos postos de emprego en Castro de Rei”.
Neste senso, cómpre destacar que o novo edificio terá capacidade para un mínimo de 15 persoas e un máximo de 45. FUDACE poderá ofrecer atención a persoas con dano cerebral e trastornos severos de comportamento, que requiren dunha trato profesional moi especializado para o que será necesaria a contratación de novos traballadores.
“Esta é unha nova colaboración máis con FUDACE, pois o ano pasado concedémoslle 100.000 euros para o aforro de custos correntes mediante a instalación de equipamento sostible no sistema de calefacción e auga quente”, lembrou.