Cando hai tres anos Si, hai saída comezaba a súa andaina, tiñamos moi claro que a nosa labor non ía ser do agrado de todo o mundo, algo que entra dentro do normal. Pero se de algo non tiñamos nin a máis mínima dúbida, e seguimos sen ter a día de hoxe, e pensábamos, por outra banda, que era algo xeralizado, é de cal era, cal é o noso obxectivo: Axudar as vítimas da violencia de xénero.
Para a nosa sorpresa, co paso do tempo, fomos comprobando que non sempre é así, que non todo o mundo o ten tan claro, e que, as veces, o concepto de cal é o noso cometido é algo que moita xente non ten moi definido. Son minoría, certo, pero este erro fai que, en ocasións, xere algún que outro malentendido e desvirtúe o noso auténtico traballo.
Si, hai saída non é, e entendemos ademais que ningún colectivo que se dedique de xeito real a traballar na loita contra a violencia machista debería selo, unha especie de “coador” co que eludir a lei e os seus procedementos. Tampouco, é isto e moi importante, un xeito de evitar a denuncia. Pola contra a nosa principal prioridade é conseguir que cada vez máis mulleres que están a ser maltratadas se animen a dar este paso, o único que lles pode levar cara esa saída que precisan atopar, e que pode salvar a súa vida e tal vez a das súas crianzas. Para isto, tentamos apoiar, asesorar, acompañar, pero, insisto, nunca a marxe da lei.
Sabemos que as veces non é xusta, que é lenta e non sempre todo o contundente que debera con quen maltrata ou mesmo asasina, e procuramos, dentro das nosas modestas posibilidades que isto non suceda, pero sempre desde o respecto e con argumentos.
Entendemos que visibilizar non é sinónimo de descalificar, de insultar, nin faltar sistemáticamente ao respecto a canto non pensa coma nos. Tampouco nos move un afán de notoriedade, polo que non precisamos “golpes de efecto” que non proporcionen fotos ou presencia mediática. Sobra quen se dedique a iso, e, francamente, flaco favor nos fan ás vítimas da violencia machista e aos colectivos que traballamos de xeito serio….se nos deixan, porque as veces, demasiadas, non é nada doado. Nin fan, nin deixan.
Tampouco prometemos sustanciosas prestacións, nin somos un conduto para acadalas.
De todos é sabido que unha vítima de violencia machista, unha vez que denuncia e acredita a súa condición, ten dereito a unha prestación, non hai máis. Quen promete fume, minte, e quen pensa que os colectivos somos un atallo para chegar onde o sistema non permite está totalmente errado. Podemos denunciar as súas deficiencias, poñerlles voz e ata presionar para tentar que se arranxen, pero, por desgraza, non temos a variña máxica para mudar o que en non poucas ocasións se fai evidente que non funciona como debera….Ogallá, pero se algo somos, é realistas.
Non somos tampouco mediadoras co maltratador. Xamais!. O maltratador debe pagar polo seu delito. Non hai mediación posible con quen fai dano e mesmo non dubida en acabar coa vida da muller sen o menor titubeo.
Preocúpanos, e moito, que se dean tales confusións, e somos conscientes de que as veces as máis que cuestionables actitudes de quen se move con outros fins totalmente distintos as provocan.
Nin isto é unha competición á procura de prebendas, nin quen así actúa merece a confianza de ninguén e non é que non sirva de axuda. Todo o contrario. Representan un claro perigo e o desprestixio do traballo feito con erros, si, pero con seriedade e de corazón.
Marta Rodríguez Engroba