A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) bota andar un novo servizo de cara á favorecer a igualdade e a non discriminación entre as persoas. Nace así Dedaleira, un servizo de atención afectivo sexual e de detección de delitos contra a identidade sexual das persoas con discapacidade.
Financiado pola Obra Social La Caixa, este novo servizo inicia despois de que COGAMI e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) detectaran a necesidade de crear un proxecto específico para asesorar e informar sobre situacións afectivas e sexuais ante situación de violencia sexual (abusos, acoso…) que poidan estar vivindo.
Dende o ano 2006 COGAMI traballa a sexualidade como unha área máis da persoa con discapacidade, poñendo así en valor os dereitos historicamente loitados e recoñecidos. En programas anteriormente desenvoltos como Aprendendo a Coñecernos, as profesionais detectaron que un 80% das mulleres participantes viviron situacións de violencia ou acoso sexual na infancia ou mesmo na actualidade.
Dúas profesionais, unha delas traballadora social, socióloga e axente de igualdade, Cristina Santos, e a outra, psicóloga, sexóloga e coach, Hadriana Ordóñez, son as que están ao fronte do servizo que resulta ser novidoso non só en Lugo e en Galicia, senón tamén no resto do Estado.
Os servizos similares que están en activo, están enfocados a persoas con discapacidade intelectual ou a menores, e céntranse maiormente en abusos sexuais nestes colectivos. Con Dedaleira, trataranse tamén aspectos positivos relacionados coa afectividade e sexualidade de persoas con calquera discapacidade e o seu entorno, sen haber límite de idade, algo que ata o de agora non se producía.
Decidir sobre o seu corpo segundo as necesidades propias, detectar e identificar situacións contra a liberdade e indemnidade sexual (agresións, violacións, abusos, acoso ou intimidación) e sensibilizar e acompañar na capacitación da autodeterminación sobre o corpo das persoas con discapacidade son algúns dos obxectivos cos que bota a andar esta ferramenta. Ademais, preténdese tamén mellorar os coidados íntimos para diminuír as infeccións, aumentar a atención médica especializada ou dar coñecemento sobre o uso de métodos anticonceptivos das persoas que se asesoren con Dedaleira.