A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas licitou por valor de preto de 100.000 euros a rehabilitación do firme dun treito da travesía de Láncara na estrada provincial 621.
A obra suporá actuar en todo o ancho da sección, en primeiro lugar reparando as deformacións existentes e a continuación estenderase unha nova capa de rodadura de mestura betuminosa en quente. Isto suporá unha importante mellora da estrada neste tramo, que conta na actualidade con firme de macadam.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou esta mañá, en Láncara, que o ano pasado o Concello de Baralla tamén viu mellorar o tramo de estrada entre Pousada e a intersección coa N-VI, a través da Xunta de Galicia.
Balseiro asegurou que o arranxo da estrada provincial 621, non será única actuación que o Goberno galego prevé neste concello xa que logo, dentro dos traballos de conservación ordinaria e vialidade invernal da zona sur da provincia de Lugo tamén se prevén desenvolver tres novas obras: nesta mesma estrada entre A Pobra de San Xiao e Baralla, por valor de 108.808 euros, que implicará a rehabilitación localizada do pavimento e o repintado da marca viaria de separación de carrís.
Tamén na provincial 622 entre Corvelle e Láncara se acometerán as mesmas accións, por valor 144.961 euros. E, finalmente, por valor de 12.828 euros, a Xunta renovará as bandas transversais de alerta na travesía de A Pobra de San Xiao e instalará novas bandas na recta de Maceda. Asemade, se instalará a sinalización luminosa de perigo na travesía de A Pobra de San Xiaou e se renovará o cartel fluorescente retrorreflectante. A suma total do investimento previsto nas estradas do municipio de Láncara ascenderá a 416.000 euros.