En Lugo, os habitantes dunhas determinadas zonas andan alborotados polas repercusións que as actividades festeiras teñen nas súas zonas de residencia, pretendendo algúns deles que estas festas se retiren a zonas máis lonxanas para evitar molestias.
Ven de celebrarse a Festa da Carballeira de Fingoi, onde os universitarios da capital dan renda solta aos seus desenfrenos festeiros, entendidos en canto a música, bebida, horarios… que o resto corre a conta de cada quen, que para iso atoparon un lugar natural afortunado –a única carballeira que queda na zona- invadíndoa ao máis puro estilo dos celtas que tiñan no carballo a árbore sagrada e como recinto sagro ás carballeiras.
Pero o que máis rebumbio produce é o San Froilán, que ten por marco os arredores do parque Rosalía de Castro, zona residencial de nivel máis ca medio, que cada ano fan pública a súa protesta polas repercusións festeiras.
En tempos, en Lugo as festas facíanse na praza de Santo Domingo, Praza Maior, Angel Fernández Gómez e Campo Castelo… Logo no Campo da Feira, ata que en 1982 lles deu aos organizadores por montar as barracas na Ronda dos Deportes, e foi un fiasco tremendo. Desde entón, pasaron ás rúas inmediatas ao Parque, e todos contentos, menos os residentes.
Limitáronse os días das barracas, porque cando falamos de festas falamos de barracas; limitáronse os niveis de son… pero nin así. Aos residentes privilexiados –refírome só á situación xeográfica- sempre lles parece mal o rebumbio que ali se forma.
É un tema que non preocupa demasiado no urbano, e menos no rural onde, normalmente, as festas son arredor da igrexa, no mesmo centro. A miña experiencia máis directa son os Milagros de Saavedra, onde cada vez que hai festa colápsase a circulación, non poido utilizar o portalón de entrada, e soa a música a nivel máis ca competente ata as cinco da mañá… e coido que todos os veciños asumimos as circunstancias, e máis ca sufrir gozamos do rebumbio festeiro e das súas consecuencias durante uns días sabendo que o resto do ano teremos unha paz inmensa que só se pode valorar por contraste.
Se xa o di o dito popular: é mellor ter a festa en paz.