A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou no obradoiro do libro do CENTRAD a Semana Escolar con Maruja Mallo, que organiza a Deputación. No acto, participou tamén Llerena Perozo, autora do libro do que disporán os centros de educación secundaria da provincia para divulgar entre o alumnado de educación secundaria da provincia de Lugo coñecementos sobre a vida e obra de Maruja Mallo, pintora viveirense e universal á que neste ano a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas.
García Porto subliñou que “son un total de 9.000 alumnos, de 44 centros de toda a provincia os que participarán nos actos incluídos dentro desta programación e que con esta iniciativa sumámonos á homenaxe que a Real Academia Galega rendeu á artista Maruja Mallo con motivo do Día das Artes Galegas, facendo a nosa achega á difusión nos centros lucenses da vida e da obra da artista viveirense”.
Esta pintora nacida en Viveiro, a máis importante da Xeración do 27, tivo unha importante vinculación coa Deputación de Lugo, da que foi bolseira durante tres anos e recibiu encargas. No Museo Provincial, ademáis, consérvanse sete dos seus cadros, entre eles os titulados Española con abanico e Guía Postal de Lugo.
O Goberno da Deputación editou o libro-manual Bos días, Maruja: 12 estampas dunha pintora, de Llerena Perozo Porteiro, no que se condensan 93 anos de traxectoria vital e artística da protagonista en doce estampas ou capítulos.
En cada un deles, téntase recrear unha parte da historia de Maruja Mallo con vida propia, de xeito que o profesorado poida escoller e traballar sobre un tempo concreto ou varios, segundo considere.
A Semana Escolar con Maruja Mallo terá lugar dende o 17 ata o 21 de abril. O primeiro día os alumnos farán unha pegada de carteis nos centros escolares. A continuación repartiranse os preto de 9.000 exemplares do libro que a Deputación pon a disposición do alumnado de ESO e bacharelato.
Durante a semana lectiva lerán e analizarán o libro-manual e co apoio dos docentes, realizarán diferentes actividades enmarcadas no ámbito da educación plástica e visual, a lingua e literatura, as ciencias sociais, xeografía e historia, así como a música.
Os traballos das aulas expoñeranse en lugares comúns do centro ao longo da semana para conseguir unha maior motivación do alumnado e un intercambio das distintas interpretacións creativas. O venres 21, como conclusión á semana, levarase a cabo o descubrimento do mural, Bos días, Maruja, que elaborarán os alumnos e alumnas e no que reflectirán a súa visión da obra da artista lucense.