O Concello de Lugo convocou de urxencia para hoxe unha Xunta de Voceiros na que participaron todos os portavoces dos diferentes partidos con representación local no concello, para tomar unha decisión sobre o pagamento das facturas que o Concello ten pendentes de pago.
Na xunta de portavoces desta mañá acordouse estudar a viabilidade de levar a Pleno as minutas pendentes divididas en lotes co fin de habilitar crédito e facer os abonos.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez apelou á responsabilidade dos grupos municipais, pois os servizos están prestados, co que, de non pagarse, a Administración incorrería en enriquecemento inxusto e subliñou que “a cidade non pode saír prexudicada”.
Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG – AA, Rubén Arroxo, informou que trasladou ao goberno unha proposta para “desatascar a situación de moitas empresas e provedores” que se ven afectadas polo feito de que o Pleno non aprobou o expediente extraxudicial de crédito.
Para o BNG, “trátase dunha mala xestión do goberno por que as facturas poden levarse a pleno en varios lotes e sendo así, se facilitaría a aprobación do pago daquelas facturas que non teñen reparos de legalidade e que, neste caso, son 42 facturas dun total de 5.080”.
Ademais das empresas eléctricas ás que corresponden 4.949 facturas por un importe total de 1,7 millóns de euros, existen outras 131 facturas por un importe de 623.105 euros que afectan a diferentes empresas, provedores e entidades. Para o BNG-AA “non é de xustiza que moitas pequenas empresas ou entidades como a Protectora de Animais teñan en risco a súa viabilidade pola falta de xestión do PSOE”.