Tras dar a coñecer os informes sobre a calidade das augas dos mananciais municipais, nos que queda patente que máis do 80% sofren contaminación bacteriolóxica, Lugonovo propón regular a recollida, transporte e xestión das augas residuais procedentes das fosas sépticas e dos pozos negros existentes no rural.
Santiago Fernández Rocha, voceiro desta agrupación, afirma que se trata dun servizo que xa existe en moitas localidades veciñas da provincia da Coruña e considera que “non só sería acaído senón tamén necesario” implantalo en Lugo a tenor da situación na que se atopan as fontes que non están conectadas á rede de abastecemento.
O voceiro de Lugonovo considera tamén convinte, como primeiro paso, recuperar e actualizar a ordenanza de residuos para encher o baleiro legal que regularía tódolos aspectos relacionados co tratamento do lixo e dos refugallos para, a continuación, desenvolver unha prestación de vaciado e limpeza das foxas privadas así como de traslado das augas residuais que conteñan ata a planta de tratamento para garantir que se fai axeitadamente.
Lugonovo é coñecedor de que moitas destas instalacións particulares teñen filtracións e están a causar danos ao medio ambiente contaminando, en moitos casos, os acuíferos.
A medida proposta polo grupo municipal, contribuiría a evitar os vertidos, a corrixir o prexuizo ecolóxico, que por desgraza xa se observa con naturalidade, e a dotar dunha ferramenta moi necesaria para o rural que contrarreste tódolos déficits de dotacións que padecen.