A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou tamén na reunión de hoxe a contratación do subministro de 10.000 tarxetas cidadás para o Concello, o prego de cláusulas administrativas, o gasto e a adxudicación por procedemento aberto. As primeiras 2.500 tarxetas deberán ser entregadas nun prazo de un mes a partir da formalización do contrato, mentres que as restantes serán entregadas en lotes de 2.500 aos tres, seis e nove meses. O importe é de 33.000 euros, 3,30 euros cada tarxeta.
O Concello publicará o anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como no perfil do contratante da web municipal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais, contados dende a publicación do devandito anuncio no BOP.
A Tarxeta Cidadá é un dispositivo intelixente multiservizo, que lle permite aos usuarios identificarse e facer uso dos servizos municipais dun modo máis rápido e sinxelo. Máis de 20.000 persoas solicitaron a tarxeta dende a súa posta en funcionamento, no ano 2011. A contratación do subministro de 10.000 unidades aprobada hoxe pola Xunta de Goberno permitirá volver a expedir este dispositivo tan demandado.