O Concello de Lugo incorpora ao seu fondo editorial unha obra do profesor Francisco Xabier Louzao Martínez, doutor en Xeografía e Historia pola USC, que relata documentadamente e polo miúdo a historia da construción e as sucesivas reformas do Cuartel de San Fernando mentres cumpriu as súas funcións militares, ademais de abordar o seu uso futuro, dende que ao remate do pasado milenio os grandes cambios organizativos do exército volveron innecesariol o histórico edificio.
O libro O Cuartel de San Fernando de Lugo será presentado o vindeiro xoves, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere. Francisco Xabier Louzao é licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago e doutor en Xeografía e Historia pola mesma Universidade, cunha tese sobre pratería sacra da diocese de Lugo, materia sobre a que publicou diversos artigos e libros.
É autor de diversos estudos sobre a arquitectura popular galega, e recentemente do libro Historia de la Arquitectura en Galicia: del Neoclasicismo a la Autarquía. Na actualidade, é profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.