O Deputado Provincial, Pablo Rivera, participou este martes na Coruña, xunto co Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e a Vicepresidenta da Coruña, Goretti Sanmartín, na entrega dos premios do Concurso Correlingua 2017, que recoñeceu os mellores traballos escolares nas modalidades de “manifesto”, “vídeo” e “banda deseñada”. Trátase dun certame que forma parte dunha programación máis ampla que mobilizará no mes de maio a máis de 4.000 estudantes da provincia de Lugo e que conta cunha achega de 15.000 euros do Goberno provincial.
Rivera Capón destacou na súa intervención a necesidade de que “todas as administracións sigamos traballando e sumando esforzos para que a nosa lingua siga en pé. Sodes a nosa esperanza para que o galego perdure outras mil primaveras máis, como ben escribiu Cunqueiro”.
O Correlingua é un evento de promoción do uso do galego dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato menor de 20 anos, que se celebra nos centros educativos de toda Galicia. Ademais do mencionado concurso, inclúe festas e unha gran carreira que se celebrará entre o 2 e o 16 de maio nas diferentes vilas. Nos Concellos da provincia xa se inscribiron ata o momento 43 centros e máis de 4.000 estudantes.
A carreira inaugural do Correlingua terá lugar en Monforte de Lemos, o 2 de maio, e conta xa con 8 centros da comarca inscritos e 450 alumnos participantes; o 4 de maio, será a quenda do Correlingua de Lugo, que rexistrou ata a data a inscrición de 17 centros e máis de 1.500 alumnos. E finalmente, o 9 de maio celebrarase o Correlingua en Viveiro, para o que hai apuntados 18 centros da mariña e máis de 2.000 rapaces e rapazas.
Centros premiados
O concurso Correlingua premiou nesta edición ao alumnado do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, na modalidade de banda deseñada; o CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal gañou na modalidade de vídeo; e o CPi Afonso VII de Caldas de Reis resultou premiado na categoría de manifesto.