O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acusa ao goberno local de “ter provocado unha gran contestación social entre os funcionarios e de ter xerado un gran enfrontamento entre eles” a costa dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), “que conta con dous informes negativos de Persoal e Intervención”.
A este respecto, o vicevoceiro popular incide en que o informe que elaborou a Intervención Municipal “tamén desmonta” a proposta do goberno local xa que este funcionario cuestiona en diversos puntos a validez xurídica do documento sometido á súa consideración, por factores como a inexistencia das valoracións económicas do complemento específico asignado a cada posto.
Sobre este punto, o popular pregúntase “como pretende o goberno que o interventor avalíe o impacto económico sen ese dato que consideran esencial”, ao tempo que subliña que “outro factor da súa posible nulidade” é a inclusión de subas xeneralizadas e liñais para os empregados públicos.
“Pero a lei e a xurisprudencia son moi claras a este respecto e sempre teñen que estar moi xustificadas con criterios de singularidade, excepcionalidade e carácter imprescindible en lugar de aplicalas á globalidade ou á maioría dos postos de traballo, como asegura o popular que insiste o interventor” asegura Ameijide, quen lembra ao goberno que o propio interventor os alerta das consecuencias de usar esta fórmula “para eludir as limitacións normativas aos incrementos retributivos establecidas na lexislación orzamentaria estatal”.
O popular incide, ademais, en que “outra cuestión sobre a que advirte reiteradamente o interventor” é en que o aspecto das retribucións complementarias “que foi xa o que tumbou por sentenza xudicial a Escola Municipal de Música, é o mesmo no que poden volver incorrer na tramitación da nova Relación de Postos de Traballo”.
Pola súa parte, o voceiro Municipal Miguel Fernández, denunciou que o PP está sempre “dificultando a gobernabilidade do concello” e aclarou que o que hai é a solicitude por parte de intervención para que se lle remitan, dende persoal, certos datos, e que o Concello vai seguir coa folla de ruta que xa ten establecida.