A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico de Lugo, Ana Prieto, acompañada do alumnado do centro educativo María Auxiliadora, coñeceu hoxe de primeira man a Caravana da Saúde, un proxecto educativo itinerante posto en marcha por Carrefour. No acto tamén estivo presente o director xeral e o director de recursos humanos do hipermercado, Juan Barragán e Francisco Álvarez, respectivamente, así como mestres e mestras do colexio.
A Caravana da Saúde, que ten como obxectivo fomentar os hábitos de vida saudables, achegando a gastronomía e a alimentación ao ámbito familiar a tráves do lecer e a tecnoloxías, estará en Lugo ata venres e desenvolverá as súas actividades en distintos colexios e no propio aparcadoiro do centro comercial lucense. Conta con equipamento didáctico e cunha cociña perfectamente equipada onde se desenvolve o proxecto Te Cuento en la Cocina, idea de Ferrán Adriá e baseado nas historias e personaxes de Disney, Marvel, Pixar e Star Wars, co fin de facer divertido cociñar san en familia.
Noutra orde, Miguel Fernández, voceiro municipal, recibiu na Praza Maior, diante da Casa Consistorial, aos responsables do I Salón Canino No sin mi perro, Rubén López, ao xerente do Pazo de Feiras e Congresos, e a Virginia Torrecillas, presidenta da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.
Trátase dun evento co que tamén colabora o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos esta fin de semana, e que pretende ofrecer uns días de lecer para disfrutar dos cans dende o respecto, así como visibilizar e concienciar sobre o abandono e maltrato animal.
A primeira edición deste salón contará con multitude de actividades, entre as que destacan probas de adestramento, exhibicións e diferentes talleres. A entrada custará 3 euros e parte do recadado doarase á sociedade protectora. O evento está dirixido a familias e públicos de todas as idades, que poderán acudir coas súas mascotas.