O Concello aproba o prego para ampliar os horarios dos museos e da Oficina de Turismo en 13.650 horas, un 80% máis

O voceiro municipal, Miguel Fernández deu a coñecer esta mañá a aprobación da licitación, por parte da Xunta de Goberno, do novo prego de condicións para ampliar o horario dos 5 museos locais e da Oficina Municipal de Turismo para a promoción da riqueza histórica, patrimonial e cultural de Lugo.

O Concello fai esta actuación tras desistir do procedemento de contratación aprobada en outubro do 2014, logo da estimación parcial dun recurso presentado contra o prego anterior, e unha vez que se descartou a Domus do Mitreo, pois este centro pasará a ser xestionado pola Universidade de Santiago de Compostela.

A ampliación de horarios materializarase co reforzo de dúas persoas, pasando de 8 a 10, que realizarán 25.900 horas de atención ao público, abrindo os centros expositivos, a oficina de turismo e o punto de información de verán un total de 13.650 horas máis que na actualidade, o que supón un 80% de incremento con respecto ás 3.500 horas que permanecen abertos a día de hoxe.

O anuncio de licitación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea, no Boletín Oficial do Estado e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais contados dende a data de envío de anuncio do contrato á Comisión Europea.

O orzamento para o primeiro ano ascende a 565.579 euros e o contrato será por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga por dous anos máis.

Segundo avanzou Fernández, nos primeiros tres meses deste 2017 achegáronse aos museos locais de Lugo e á Oficina Municipal de Turismo 9.630 persoas, e tan só na Semana Santa unhas 4.300, o que pon de manifesto a importancia destes centros e a ampliación da súa apertura.

Este novo prego distinguirá o servizo de información turística, a Oficina de Turismo, do servizo de atención museística, especializando así os dous servizos. Así mesmo, crearase un punto de información de verán e abriranse tanto os museos como a oficina todos os días da semana en épocas vacacionais, cerrando as salas expositivas os luns nos meses de inverno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com