Lugonovo denuncia o estado de abandono que presenta o arquivo municipal

A agrupación municipal Lugonovo denunciou esta mañá o estado de abandono que presenta actualmente o arquivo municipal en varias das súas salas. O voceiro, Santiago Fernández Rocha, afirma que non existe mobiliario suficiente para albergar a documentación e, polo tanto, esta remata amoreada no chan ou sobre as mesas de forma aleatoria e desorganizada.

Sen case persoal que o atenda, o servizo recibe, mes tras mes, as queixas dos usuarios polo estado no que se atopa e pola pouca dilixencia coa que funciona, asegura Fernández Rocha, quen lamenta que “as solicitudes para consulta e recepción de información deberían resolverse en 48 horas pero, na realidade, duplícase o prazo. Non existe unha zona axeitada para visionar o material que se almacena no inmoble nin tampouco ningún espazo que sirva de biblioteca”.

Para Lugonovo, o arquivo transmite a sensación de abandono “absoluto” como se este non tivera consideración nin trascendencia para a administración local. O portavoz de Lugonovo ven de presentar varias preguntas ao goberno para coñecer, con detalle, en qué condicións opera.

“O noso concello goza dunha riqueza patrimonial recoñecida e notoria e este departamento debera estar á altura das circunstancias. Nada máis lonxe da realidade. Nos últimos 9 anos apenas se lle prestou atención. De 2008 data, precisamente, o derradeiro expurgo coñecido e, dende entón, nin sequera se avanzou noutros aspectos como a dixitalización. Ao contrario, os empregados teñen detectado a perda de fondos importantes”, relata Fernández Rocha.

Nas palabras de Santiago Fernández, a súa situación é “tan precaria que só cunha visita ás instalacións é posible decatarse de que leva anos sen recibir investimentos e sen modernizarse” e afirma que non dispor de tecnoloxía axeitada supón tamén que a xestión documental sexa deficiente.

Ao xuizo do voceiro de Lugonovo urxe unha posta a punto. “Carece ata do máis esencial como é un regulamento propio. Por aí habería que empezar. Tamén conviría un cambio de ubicación a outras dependencias, máis amplas, que o dignificaran na súa verdadeira valía. E cómpre mellorar a súa repercusión social. É incomprensible que nestes dous últimos anos non protagonizara ningunha actividade cultural salvo a da conmemoración do Día Internacional dos Arquivos. Unha verdadeira mágoa, que se teña en tan pouca estima sendo, como é, o berce que garda a nosa pegada histórica”, conclúe Santiago Fernández Rocha.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com