Esquerda Unida considera lamentable a decisión do auto emitido onte pola Audiencia Provincial de Lugo, na que os altos cargos do PP lucense saen impunes de delito electoral coa decisión da Audiencia de acordar o sobreseemento provisional e arquivo de actuacións no caso do carrexo de votos. “Estes feitos tan execrables, e que todos puidemos contemplar nas fotos que foran presentadas, nas que os responsables do PP trasladaban anciáns — que dende o propio IMELGA informaron que non estaban en condicións para exercer o seu dereito ao voto por ter alteradas as súas facultades cognitivas—, é un gran paso atrás na loita en materia de rexeneración democrática que vive este país”, valora Ramón Vázquez, membro da dirección de EU e ex deputado de AGE.
Vázquez lamenta que este auto deixe impune a cargos do PP, e afirma que conta cun voto particular da Maxistrada Ana Rosa Pérez Quintana, “que discrepa da decisión dos seus compañeiros do Tribunal e, efectivamente, considera que existe un delito electoral”. Así, a maxistrada explica, segundo di Ramón Vázquez, que se debería ter estimado o recurso, interposto por Esquerda Unida, onde debería tomar declaración como imputada a directora do asilo.
“De feito, o propio Tribunal considera que estes feitos son reprochables ética e socialmente, aínda que non teñen encaixe na LOREG. Para nós este segue a ser un tema sumamente serio. Falamos de persoas en situación de especial vulnerabilidade, como son os residentes na Residencia Hogar San Roque, que exerceron de forma forzada o seu dereito de voto portando a papeleta nun sobre pechado desde a saída da residencia, é un feito vergoñento e denigrante”, critica Vázquez quen asegura que coñecida esta decisión, dende o seu partido valorarán se recorrer ao Tribunal Constitucional no traballo da defensa e loita pola rexeneración democrática, “xa que é verdadeiramente terrible gañar unhas eleccións a este prezo: denigrando ás persoas”, remata o membro da dirección de Esquerda Unida.