Lugonovo advirte dun novo episodio de deterioro do Camiño Primitivo

“En pleno Camiño Primitivo, a altura da coñecida como Corredoira do Romeu o trazado da ruta Xacobea presenta un estado calamitoso”, así define a agrupación municipal Lugonovo a situación que mostra o firme deste tramo de Camiño que amosa un empedrado desfeito debido as crecidas do río que, asegura a agrupación “está inadecuadamente canalizado”.

 

Esta é a conclusión á que chega o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, tras visitar a zona para confirmar as alertas da veciñanza, e denuncia que “estamos a falar dunha senda milenaria. Un treito que se integra no itinerario que conecta Santa María de Bascuas con San Martiño de Carballido. Neste percorrido varios expertos detectaron, xa en xaneiro de 2016, que era preciso intervir con urxencia para recuperar a calzada histórica. Agora é a cidadanía a que se suma a esa petición poñendo o foco na necesidade de actuar nas proximidades do campo da festa de Manzoi e Fazai”, explica Fernández Rocha.

O portavoz da agrupación municipal refire que a condución da auga mediante tubaxes remata a escasos dez metros deste sendeiro o que propicia que, cando se rexistran crecidas, o caudal chegue a rebasar a canle fluvial e desborde arrasando o pavimento. “A solución á orixe do problema non parece moi complexa. Só sería preciso completar o entubado que xa existe. De non facelo así, córrese o risco de que este este vieiro se perda definitivamente” – advirte Fernández Rocha – quen tamén apunta a que mantelo nestas condicións pode propiciar accidentes.

“Estamos a falar dun dos traxectos a Compostela máis afianzados. Tal e como está agora mesmo é un perigo, dificulta moitísimo o tráfico rodado para os peregrinos que viaxan en bicicleta e aqueles que o fan a pé poden tropezar e mancarse”, asegura o voceiro de Lugonovo, quen aconsella tamén retirar, canto antes, unha pedra de considerables dimensións que, rematou na boca da canalización, obstaculizando a súa entrada.

“Xa existían mostras dabondo da desidia das institucións á hora conservar o patrimonio. Non hai máis que observar como se atopa o Camiño ao seu paso polo barrio do Carme ou polo da Chanca. Un despropósito que pon de manifesto a evidente contradicción que existe entre o nivel de esixencia que se lle impón aos particulares e a relaxación que amosan os organismos públicos, incapaces de predicar co exemplo”, conclúe Santiago Fernández Rocha.

Tamén o BNG-AA referíuse hoxe ao Camiño Primitivo, denunciando as pintadas que asolan os muros das edificacións que hai no Camiño ao seu paso polo barrio lucense da Chanca.  O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, visitou o tramo do camiño no barrio da Chanca que a pesares das melloras feitas por iniciativa dos propietarias hai inmobles cheos de pintadas que afean a zona. Para o BNG-AA “haberá que facer un esforzo de cara a época estival na conservación e mellora do entorno do Camiño Primitivo que é unha das principais canles de entrada de visitantes”. 

Ademais a agrupación propón que se poña en funcionamento unha fonte de auga na zona de chegada do Camiño Primitivo á ronda de Fontiñas. “Parécenos axeitado que nun sitio que se chama Fontiñas se poidan abastecer de auga as persoas que fan o Camiño” dixo Rubén Arroxo que explicou “xente desta zona nos informou de que á chegada a Lugo son moitos os peregrinos que preguntan pola ubicación das fontes para poder encher as súas cantimploras”. 

A eliminación das pintadas e da maleza, a posta en funcionamento dunha fonte para peregrinos e a mellora na sinalización do Camiño Primitivo son as propostas do BNG-AA. O BNG – Asembleas Abertas trasladará ao goberno municipal a necesidade de intervir no Camiño Primitivo no tramo máis próximo a cidade. “Chegáronnos queixas da existencia de pintadas en vario inmobles no Camiño Primitivo no barrio da Chanca e acudimos por que é necesario insistir para que o goberno municipal actúe” dixo Rubén Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com