Fernán Vello demanda a Fomento unha pasarela peonil para acceder ao Anxo Carro

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha nova iniciativa parlamentar en relación á demanda unánime, “é un clamor social e político”, para que se instale unha pasarela peoníl sobre a N-VI para dar acceso ao estadio Anxo Carro.

O deputado de En Marea empraza ao Ministerio a “adoptar unha posición construtiva e positiva atendendo unha petición xa histórica da cidade de Lugo, superando a súa postura negativa e obcecada, e procedendo a ubicar esta sinxela infraestrutura que solucionaría moitos problemas como os xerados o domingo pasado co partido de fútbol”.

Neste sentido, Fernán Vello lembra que o domingo 16 de abril centos de aficionados que acudían a un partido de fútbol ao estadio bloquearon a N-VI por verse obrigados a camiñar pola estrada. “Trátase dunha vía de acceso a Lugo e que debido á falla dunha pasarela peoníl en condicións, foi cortada ao tráfico”.

O deputado de En Marea critica a posición de Fomento que nunha resposta por escrito a este deputado recoñeceu que “ten coñecemento da problemática xerada pola presencia de peóns nas marxes da N-VI no entorno do Anxo Carro” pero “eludiu por completo proceder á instalación dun paso elevado pretextando a existencia de dous pasos inferiores, que como todo o mundo sabe en Lugo son inviábeis e están en mal estado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com